Wednesday 15 de May de 2024

Galicia integrará tres centros na nova Rede Estatal de Excelencia de Formación Profesional


— Son os Centros Integrados de Formación Profesional Carlos Oroza de Pontevedra, As Mercedes de Lugo e Ánxel Casal da Coruña

— Todas as propostas do Goberno galego para formar parte desta rede foron aceptadas polo Ministerio de Educación y Formación Profesional

Os tres centros de Formación Profesional propostos pola Xunta para entrar a formar parte da nova Rede Estatal de Excelencia de Formación Profesional integraranse nesta iniciativa, como así o ven de comunicar o Ministerio de Educación y Formación Profesional ao Goberno autonómico. Trátase dos centros integrados de Formación Profesional Carlos Oroza de Pontevedra, As Mercedes de Lugo e Ánxel Casal da Coruña, dos que se valora o seu traballo e capacidade para ser referentes nos ámbitos da innovación e investigación aplicada así como do emprendemento activo no ámbito local e autonómico.

A integración nesta rede suporá a posta en marcha de distintos plans e proxectos de actuación para avanzar na transformación tecnolóxica dixital e metodolóxica. Cómpre salientar que se integra na rede o 100% das propostas presentadas por Galicia. A Xunta agradece este recoñecemento xa que poderá contribuír a seguir consolidando a FP galega, que é xa referente nacional e que na última década pasou de 34.000 alumnos aos máis de 60.000 deste curso, máximo histórico.

No marco desta rede, o CIFP Carlos Oroza de Pontevedra propón impulsar a formación do sector da hostalería centrándose na tecnoloxía, dixitalización e transición ecolóxica. A intención é levar a cabo proxectos de alimentación saudable integrando o tecnolóxico e dixital para dar resposta a novos perfís profesionais e propiciar innovadores modelos de negocio dentro do ámbito do emprendemento na hostalería.

Desde o CIFP As Mercedes de Lugo faise unha aposta pola innovación educativa no sector da aeronáutica coa intención de xerar un valor engadido para a economía do territorio incluíndo iniciativas como drons impulsados por hidróxeno, fabricación de aeronaves non tripuladas con paneles solares, entre outras.

A innovación ligada á realidade virtual en radioterapia ou imaxe para o diagnóstico ou coidados auxiliares; a impresión 3D no campo da audioloxía protésica, a investigación en cultivos celulares e reprodución asistida, ou avances na robótica asistencial son as liñas que marca o plan do CIFP Ánxel Casal.

Galicia, líder na FP

Con esta integración dos tres centros na rede, Galicia refórzase como unha das comunidades líderes na Formación Profesional. Galicia conta con máis oferta e máis profesorado que nunca ao que se engade unha maior aposta pola I+D+i, como así o constata a nova posta en marcha en Ourense do Centro de Innovación de FP que suporá un salto adiante destas ensinanzas en Galicia. Ademais, no marco da Estratexia de FP Galicia 2030, dotada con 900M€, intensificarase a conexión entre a Formación Profesional e as empresas e crearanse plan específicos por sectores e comarcas para seguir mellorando a oferta e a calidade deste modelo.